DocumentosSeptember 20, 2005 9:12 am

APORTACIÓNS DO SINDICATO NACIONAL DE GALICIA DIANTE DA PROBLEMÁTICA DOS INCENDIOS FORESTAIS PARA O CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL (CES)

O Sindicato Nacional de CC.OO. Galicia ven seguindo o problema que supoñen os incendios forestais e a súa evolución dende fai anos.
Esta preocupación da nosa organización é debida o interés pola conservación da natureza e dos ecosistemas forestais así como pola perda de recursos productivos de todo tipo, perda asociada aos efectos devastadores dos incendios forestais que tan negativamente afectan ás maltreitas economías e o emprego no medio rural. É moita a población rural que aínda vive dos nosos montes e bosques e do que representan estes ecosistemas naturais: madeira, cogumelos e froitos, gandeiría, turismo, caza, pesca, apicultura…mais como valoramos e quen lle pon precio o resto de beneficios que aportan ao conxunto da sociedade os nosos montes: a auga que bebemos, o aire que respiramos, a paisaxe, lugares de lecer…para o mundo científico os ecosistemas forestais sempre foron e segen sendo a día de hoxe os chamados “Santuarios de Biodiversidade”.

Mais como organización sindical tamén hai outro elemento que nos preocupa fondamente: as condicións de traballo e o emprego dun crecente número de traballadores/as adicadas a prevención e extinción dos incendios forestais, (traballadores/as forestais, axentes forestais/medioambientais, protección civil, pilotos de medios aéreos, corpos e forzas de seguridade…), e as súas condicións de traballo, a súa estabilidade no emprego, a súa formacióne profesionalidade, as súas condicións de seguridade e saúde; todos estes condicionantes están íntimamente interrelacionados coa eficacia nas labouras de prevención e extinción dos incendios.
(more…)

DocumentosSeptember 9, 2005 4:27 pm

O Comité de Defensa do Monte Galego é unha plataforma nacida en Ourense e de ámbito galego formada por diferentes organizacións unidas para reclamaren unha nova política agro-forestal e de loita contra os lumes.

As demandas do Comité sintetízanse nos seguintes puntos:

PRIMEIRO.- A modificación do Consello Forestal Galego, deberá revisarse a composición actual e integrar a todos os axentes sociais. Del sairá un órgano consultivo e representativo multisectorial, a semellanza do que ocorre nos países do noso contorno.

SEGUNDO.- Un cambio na política agro-forestal, coa revision do Plan Forestal de Galicia e dos Plans de Loita Contra o Lume (INFOGA), para acadar o consenso necesario entre todos os grupos políticos e sociais, en particular dos propietarios forestais.

TERCEIRO.- A Fiscalía contra incendios debe ser dotada de medios técnicos, humanos e económicos para mellorar a investigación dos lumes, nesta tarefa é necesaria unha perfecta coordinación entre as forzas de orde pública e os servizos forestais.

CUARTO.- Transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios: facilitarlle á opinión pública o coñecemento da realidade, de xeito que poida reaccionar de forma positiva diante desta problemática. Emprego de satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada.

QUINTO.- Os equipos de extinción de incendios deben estar baixo un mando único e depender na súa totalidade dunha soa Consellería. A transferencia dos equipos de extinción ós Concellos produce a súa descoordenación, desprofesionalización, falta de homoxeneidade dos equipos, menor eficacia e ampliación da estrutura político-caciquil, ao non haber control na contratación nin equidade nos salarios percibidos.

SEXTO.- Ordenación dos cultivos agrarios e forestais e mobilización produtiva das terras asignándollelas localizacións máis axeitadas, evitando o aumento da superficie ocupada por especies de medra rápida (eucaliptos, piñeiro “radiata”,…), ao tempo que a perda de mais Superficie Agraria Útil, parámetro no que Galiza xa ocupa o último posto da Unión Europea. Neste senso, resulta urxente elaborar plans de ordenación dos montes que contemplen os aproveitamentos agrogandeiros, compatíbeis coa existencia de matos e áreas boscosas multifuncionais.

SÉTIMO.- Posta en marcha inmediata de plans de restauración e recuperación das zonas afectadas por incendios nos últimos anos.

OITAVO.- Implicar na conservación e protección do patrimonio natural a todas as Consellarías do Goberno Galego e mellorar a coordenación coas Administracións públicas central e local.

NOVENO.- Trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais e fomentar en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización). Formar e informar especialmente ás Comunidades propietarias de montes, promovendo o sentimento de identidade positiva entre o veciño e o monte.

DÉCIMO.- Incremento dos investimentos para a prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Estabelecer sistemas de axuda económica (subvencións e exencións fiscais, etc.) para montes públicos conveniados ou privados orientados á conservación.

DÉCIMO PRIMEIRO.- Fomentar a creación de emprego, así como a estabilidade das persoas que traballen en labores relacionados coa multifuncionalidade do monte, xa que resulta fundamental para acabar cos lumes a revitalización económico/demográfica do mundo rural onde se localizan as grandes superficies forestais. Cómpre tamén profesionalizar a tarefas de prevención, detección e extinción mediante creación de emprego fixo e con plans especificos de formación.

DÉCIMO SEGUNDO.- Control do sector forestal centrado en aspectos como a extinción de incendios, a reforestación, o aproveitamento da madeira, a caza, o pastoreo, etc., co fin de que os seus beneficios non dependan directamente do aumento do número de incendios ou da superficie afectada.

DÉCIMO TERCEIRO.- Potenciar a creación de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.

Comité de Defensa do Monte Galego:

Amigos da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Confederación Intersindical Galega (CIG), Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Sindicato Labrego Galego (SLG), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia.