O vindeiro sábado 1 de outubro a cidadanía galega vai volver saír a rúa para manifestar a súa rabia e indignación perante unha nova catástrofe ecolóxica con terríbeis consecuencias para o noso país, e con causas diversas, incertas ou ocultas para boa parte de nós: os incendios forestais.

Na manifestación, que será en Ourense e sairá ás 20h do Pavillón dos Remedios, xuntarémonos cidadáns e cidadás de todo o país e tamén colectivos do máis diverso, dende partidos políticos e sindicatos ata agrupacións ecoloxistas e culturais, institucións, traballadores forestais e de brigadas antiincendios, xente afectada polos lumes directamente e todos aqueles que nos sentimos afectados por perder de maneira devastadora un patrimonio colectivo único, tanto no económico como no cultural e ambiental, como é o noso monte.

O noso obxectivo primeiro é demostrar que o pobo galego está unido unha vez máis perante a desgraza ecolóxica e que non pensa seguir de brazos cruzados mentres o noso país arde polos catros costados.

A cidadanía, as institucións e as forzas sociais deben tomar conciencia de o monte é un patrimonio colectivo que paga a pena coidar, e que os incendios non son casuais nin conxunturais senón un síntoma e unha consecuencia gravísima doutro problema aínda maior: o abandono do monte e do medio rural galego. A devastación e a obtención de recursos a curto prazo está a esquilmar as posibilidades do monte como fonte de riqueza sostíbel, un tesouro que se coidamos pódenos durar para sempre.

Facemos a manifestación en outubro, cando os lumes comezan a apagarse, para aprendermos a lección entre todos e empezarmos a pensar, en frío, nunha auténtica política de prevención dos lumes: cómpre ter claro que os incendios apáganse no inverno.

Facémola en Ourense porque é sen dúbida a provincia máis afectada polos lumes forestais: no que vai de 2005 foron calcinadas 25.000 hectáreas das 50.000 que arderon en toda Galiza. A cidadanía galega demostrará así a súa solidariedade coa Galiza interior, a máis abandonada polos gobernos, as empresas, os medios de comunicación e a propia poboación. Poñendo de manifesto a súa importancia para a riqueza e o desenvolvemento sostíbel deste país.

E queremos sobre todo chamar a atención das institucións para que muden dunha vez por todas a política forestal. Pedimos sentidiño, boa xestión e transparencia, e medidas eficaces en canto á extinción e prevención dos lumes e o coidado do noso monte. Xuntámonos para berrar que non queremos lumes NUNCA MÁIS. O NOSO MONTE IMPORTA.

Agardámosvos.