APORTACIÓNS DO SINDICATO NACIONAL DE GALICIA DIANTE DA PROBLEMÁTICA DOS INCENDIOS FORESTAIS PARA O CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL (CES)
O Sindicato Nacional de CC.OO. Galicia ven seguindo o problema que supoñen os incendios forestais e a súa evolución dende fai anos.
Esta preocupación da nosa organización é debida o interés pola conservación da natureza e dos ecosistemas forestais así como pola perda de recursos productivos de todo tipo, perda asociada aos efectos devastadores dos incendios forestais que tan negativamente afectan ás maltreitas economías e o emprego no medio rural. É moita a población rural que aínda vive dos nosos montes e bosques e do que representan estes ecosistemas naturais: madeira, cogumelos e froitos, gandeiría, turismo, caza, pesca, apicultura…mais como valoramos e quen lle pon precio o resto de beneficios que aportan ao conxunto da sociedade os nosos montes: a auga que bebemos, o aire que respiramos, a paisaxe, lugares de lecer…para o mundo científico os ecosistemas forestais sempre foron e segen sendo a día de hoxe os chamados “Santuarios de Biodiversidade”.
Mais como organización sindical tamén hai outro elemento que nos preocupa fondamente: as condicións de traballo e o emprego dun crecente número de traballadores/as adicadas a prevención e extinción dos incendios forestais, (traballadores/as forestais, axentes forestais/medioambientais, protección civil, pilotos de medios aéreos, corpos e forzas de seguridade…), e as súas condicións de traballo, a súa estabilidade no emprego, a súa formacióne profesionalidade, as súas condicións de seguridade e saúde; todos estes condicionantes están íntimamente interrelacionados coa eficacia nas labouras de prevención e extinción dos incendios.
Os dados e as opinións dos traballadores/as e das organizacións representativas do sector poden, deben e xa son noutros territorios do noso entorno esenciais en boa medida para a solución de tan grave problema.
Os incendios forestais constitúen o principal problema medioambiental do noso país e é o maior factor de destrucción da cuberta vexetal dos nosos ecosistemas. Cada ano Galicia sofre unha media de 10.000 incendios forestais (media da U.E. 45.000 incendios forestais). Centos de millóns de Euros calcinados nunhas poucas xornadas poñen en entredito a viabilidade dun sector estratéxico para o conxunto do país desde o punto de vista económico, ecolóxico e social. Centos de millóns de Euros perdidos pola actuación premeditada ou neglixente de cidadáns, na ampla maioría dos casos as súas actuacións delictivas quedan impunes por falla de medidas axeitadas.
Dende 1988 arderon máis de medio millón de hectáreas, aproximadamente a cuarta parte da superficie forestal de Galicia. A incidencia dos incendios forestais no noso país é de 8 a 12 veces superior á media estatal (un incendio por cada dous quilómetros cadrados de superficie forestal, a media estatal é de un incendio por cada vintecinco quilómetros cadrados de superficie forestal).
* Dados oficiais da Consellaría de Medio Ambiente e do Ministerio de Medio Ambiente
As consecuencias dos incendios son nefastas: erosión do solo, destrucción de flora e fauna, deterioración da paisaxe, contribución ao cambio climático global, perdas económicas que poñen en entredito a viabilidade socioeconómica de amplas zonas, destrucción duns ecosistemas estratéxicos para o conxunto do país.
Detrás dos incendios forestais consideramos que non existe ningunha mafia organizada. As causas son heteroxéneas e as políticas levadas adiante polas distintas Administracións Públicas teñense demostrado ineficaces. O esforzo inversor centrouse principalmente nos medios de extinción e moi pouco na silvicultura preventiva.
A pesares dalgunhas medidas administrativas, non se aprecia que se atallen suficientemente as causas polas que se producen os lumes forestais: queimas agrícolas, queimas de montes para pastos, queimas autorizadas que se descontrolan, intereses diverxentes pola caza, falla de control e seguimento de incendiarios cun mobil especulativo, lumes para destruir refuxios de especies faunisticas que provocan dano no agro…
ALGUNHAS PROPOSTAS
Prevención:
Dende CC.OO. consideramos que a prevención é a peza clave para rematar coa lacra incendiaria.
• As repoboacións que se realicen a partires de agora deben facerse predominantemente con especies autóctonas, de maneira diversificada (mosaicos) e con especies e zonas que favorezan o efecto barreira (áreas cortalumes en vez de grandes devasas cortalumes).
• Para a prevención son fundamentais os tratamentos selvícolas permanentes. Obviamente esto esixe a contratación de traballadores/as o longo de todo o ano e a súa estabilidade laboral. Para elo é preciso o impulso de novas políticas de emprego, incrementando as inversións públicas e privadas. Resulta fundamental para acabar cos lumes forestais a revitalización económica/demográfica do mundo rural. A elaboración dun estudo sobre as necesidades de emprego na prevención e a extinción dos incendios sería de gran utilidade para definir e acometer estas políticas.
• Débese de fomentar a recuperación de actividades tradicionais de aproveitamento de leñas, pastos, cogumelos, gadeiría extensiva que vincule as comunidades rurais co monte. Tamén se debe de realizar un control e unha vixiancia máis rigurosa dos usos culturais do lume; as queimas controladas non son a solución para o tratamento da biomasa forestal, hai alternativas, hai medios técnicos e incluso fondos da U.E para evitar o uso tradicional do lume (medidas agroambientais).
• É necesario implementar plans específicos para a utilización enerxética da biomasa forestal residual. Moitos dos restos de limpezas selectivas acumúlanse, sen recoller, ao pé de camiños, pistas e todo tipo de vías de comunicación, vexetación altamente combustible agravando as labouras de extinción cando xa se produciu o incendio.
• Débese de incorporar de maneira máis profunda os criterios de desenvolvemnto sostible o ámbito rural, de maneira que se considere a biodiversidade como un valor social e de desenvolvemento.
• É necesario acometer a realización dun inventario de zonas de cultivo (abandoadas ou en activo) que se atopen no medio forestal, co fin de diseñar áreas cortalumes “naturais” función que realizaron durante séculos sen supor os custes económicos, os impactos ambientais e a erosión que supoñen as actuais redes de grandes devasas “cortalumes”. Estas áreas axudarian ao mantenemento da biodiversidade e da paisaxe.
• Traslado o eido educativo dos contidos e coñecementos ambientais e fomento en toda a sociedade de valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización a toda a cidadanía).
• Un cambio na política agro-forestal, coa revisión do Plan Forestal de Galicia e dos Plans de Loita Contra o Lume (INFOGA).
• Potenciamento de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención de incendios.
• Hai unha alta siniestralidade polo traballo desenvolvido na prevención e extinción dos incendios, é preciso o cumprimento das normas preventivas para por freo os accidentes laborais que se producen, facer recoñecementos médicos específicos e facer un seguimentop das enfermidades profesionais.
Extinción
• Algunha das medidas para facer máis doadas as labouras de extinción ou para establecer barreiras contra o lume, como son a apertura de grandes pistas ou grandes devasas cortalumes téñense demostrado a veces ineficaces. Consideramos que é máis positivo e eficaz unha estratexia baseada nunca vixiancia permanente dos ecosistemas forestais e a intervención inmediata das brigadas de traballo (brigadas de prevención e extinción). De tódalas maneiras, como xa apuntamos antes, a mellor defensa para evitar a propagación dos lumes son as áreas naturais cortalumes (mezcla de especies e disposición das masas forestais en forma de mosaico).
• A transferencia de boa parte dos equipos de extinción aos concellos (aproximadamente 4.000 traballadores/as na tempada de máximo risco -xullo, agosto, setembro-) produce descoordinación, desprofesionalización, falla de homoxeneidade, menor eficacia, falla de control nas contratacións e na maioría dos casos precariedade laboral (non hai convenio do sector polo que se producen abusos e multiples irregularidades). Consideramos que se melloraría moito a eficacia e a profesionalidade tanto en labouras preventivas como de extinción si a estes equipos se lle amplia a súa contratación a un mínimo de seis meses, que esta contratación sexa realizada pola Consellaría de Medio Ambiente, que se lle aplique o convenio único da Xunta de Galicia e a contratación se realice baixo os principios constitucionais de publicidade, merito e capacidade.
• É imprescindible a coordinación e implicación na conservación do patrimonio natural de tódalas Consellarías do Goberno Galego e a mellora da coordinación coas Administracións Públicas central e local. Tódolos medios que teñan capacidade de intervención en incendios forestais (materiais e humanos) con que contan o conxunto das Administracións Públicas deben de estar dispoñibles e actuar nestes sinistros.
• Control do sector forestal centrado en aspectos como a extinción de incendios, a reforestación, o aproveitamento da madeira, a caza, o pastoreo, etc., co fin de que os seus beneficios non dependan directamente do aumento do número de incendios ou da superficie queimada.
Persecución dos infractores
• É preciso incrementar os recursos e a coordinación na investigación da causalidade dos incendios forestais. Esto é clave para a correcta planificación das actividades preventivas, ademáis de servir como avaliación das medidas adoptadas.
• Hai que incrementar os medios para perseguir aos autores dos incendios intencionados e as negligencias. Non poden quedar impunes un porcentaxe tan alto de delictos de incendios forestais. A regulación actual do Código Penal e razonablemente axeitada.
• Para asegurar a eficacia da prohibición do cambio de uso forestal dos terreos afectados polos incendios, deberíase determinar con carácter básico na propia Lei de Montes os prazos e procedementos para a aplicación efectiva de dita prohibición.
• Os axentes forestais/axentes medioambientais e outros colectivos de policía xudicial suficientemente preparados deben de realizar unha primeira investigación sobre a orixe do lume e demáis circustancias relevantes para identificar as causas e os autores. Para mellorar a eficacia na persecución dos infractores e preciso o recoñecemento expreso na Lei de Enxuizamento Criminal do carácter de policía xudicial dos axentes forestais/axentes medioambientais así como o apoio en ditas funcións por parte da Consellaría de Medio Ambiente. Dado que o incendio forestal e un delicto tipificado no Código Penal a investigación debería cursarse ás fiscalías ou xulgados competentes.
Para a pertinente apertura de delixencias de investigación penal é moi importante que existan fiscais especializados en medio ambiente en cada Audiencia Provincial.
Dialogo e busca de solucións
Xa apuntamos o principio e volvemos a incidir nelo, desde o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia consideramos que o eixo básico para a solución a gravidade do problema dos incendios forestais está no diálogo, buscar solucións entre o conxunto da sociedade a unha situación que xa levamos aturando demasiado tempo.
Fai escasamente dous anos e despois dunha queixa realizada por varias organizacións, entre elas CC.OO., o Valedor do Pobo recomendáballe a Xunta de Galicia que se tiñan que establecer mesas de diálogo para buscar solucións á problemáticas dos incendios forestais. A pesares das recomendacións e da práctica e experiencias doutros territorios o Plan INFOGA e demáis medidas no sector forestal a Xunta de Galicia segue a aplicalos de forma unilateral sen ter en conta a opinión das organizacións sociais.
Recentemente, 2 de decembro de 2004, Decreto 306/2004 creouse o Consello Forestal de Galicia, curiosamente as organizacións sindicais quedan fóra deste Consello, ¿quen representa no Consello entón a uns 40.000 traballadores que ten a industria da madeira? ¿Por qué tanto medo ao diálogo cos representantes legais dos traballadores/as?.
No Sexto Programa Comunitario de Medio Ambiente 2001-2010 recóllese específicamente no apartado tituado AMPLIACIÓN do DIÁLOGO o seguinte: “…moi especialmente na elaboración de políticas, dar a oportunidade a tódolos grupos interesados de que influan na toma de decisións. Entre eses grupos deben de incluirseos sectores que representan intereses económicos, as autoridades nacionais, rexionais e locais, e os grupos de medio ambiemte.
As organizacións non gubernamentais (ONG) teñen un importante papel que desempregar a hora de canalizar as opinións do “home da rúa” cara os responsabeis políticos, participando en grupos de expertos ou técnicos e controlando a aplicación da lexislación…”.
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2005.
