1 DE OUTUBRO EN OURENSE
O Comité en Defensa do Monte Galego convoca a todos os cidadáns e cidadás de Galiza á unha manifestación nacional que terá lugar o vindeiro sábado 1 de outubro na cidade de Ourense ás 20:00 h para reclamar unha nova política forestal de prevención e loita contra os incendios que están a arrasar o monte galego. A saída terá lugar dende o Pavillón dos Remedios para rematar na Praza Maior, onde se dará lectura ao manifesto elaborado polo escritor Xosé Carlos Caneiro.
Baixo o lema LUME NUNCA MÁIS. O NOSO MONTE IMPORTA, os diferentes colectivos que conforman este comité fai unha chamada ás institucións e á sociedade civil galega para que tomen conciencia das medidas urxentes que o comité reclama no documento de BASES EN DEFENSA DO MONTE GALEGO que adxuntamos.
Para presentar a convocatoria, as razóns e as propostas do Comité de Defensa do Monte Galego, así como os últimos informes sobre a catástrofe dos incendios no noso país, estarán presentes na rolda de prensa: Lito Prado, voceiro de ADEGA; Xosé Manuel González Gutiérrez, de Esquerda Unida; Xosé Santos, axente forestal e Henrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde e director do programa Senda Verde da TVG.
A rolda de prensa será este mércores 21 ás 11:30 na sé comarcal da C.I.G., no edificio sindical do Parque de San Lázaro, nº 12, 4º andar, en Ourense.
